carrusel, música, o misántropo namorado, opinión — 16 agosto, 2012 at 10:00

“Por favor, mátame…”, a historia oral do Punk

by

Por Miguel Calvo Santos

punk-musica-sexpistols-misantroponamorado-revista-achtung

“De súpeto, atopeime cunha morea de speed nas miñas mans. Empecei a nifrar como un tolo, estaba colocadísimo. Entón vin a Sid (Vicious), que me preguntou se tiña algo para poder colocarse tamén e eu conteille o do speed. Sid sacou unha xeringa, meteu nela unha boa cantidade de speed, meteu a agulla no retrete cheo de mexadas e vómitos e cargouna. Non a quentou nin nada. Meneouna un pouco, cravouna no brazo e despegou. Eu quedei mirando. Daquela eu xa vira de todo. Miroume asombrado e díxome: “De onde sacaches isto, tío…?”

(Dee Dee Ramone)

Con anécdotas tan suculentas coma esta, Legs McNeil narra no seu libro a orixe, auxe e decadencia do Punk, contado a través dos seus superviventes, ou polo menos do que estes lembran. Nas súas páxinas non se escatima en sucidade, baixeza moral e repugnantes detalles que salpican a lectores ávidos de morbo coma nós, aínda que en realidade, o que se describe son os mecanismos de creación dunha das correntes máis interesantes e influíntes da historia da música.

Unha vez aberto o libro, sentímonos parte da escena cultural da Nova York de mediados dos 70’s, unha escena autodenominada “xeración baleira” (en alusión ao himno de Richard Hell, unha das figuras fundamentais do movemento) e quedaremos cautivados pola fascinante efervescencia creativa producida deses anos, contada aquí sen censuras nin eufemismos. Pura merda encadernada para os paladares máis finos.

Os avós do Punk

Non é doado indagar nas escuras orixes do Punk. Máis que un movemento musical, o que unificou a todos os artistas clasificados con tal etiqueta foi a súa enérxica actitude contracultural, algo que xa podemos atopar se nos remontamos a BurroughsRimbaud e ata Aristófanes (inventor do xesto de erguer o dedo medio).

Burroughs xa definía ao punk como aquel que era sodomizado no cárcere, e Legs McNeil, autor deste libro, apropiouse este termo para bautizar á súa revista “Punk, na que se documentaba a nova bohemia xurdida na Gran Mazán a mediados dos 70 e o estraño rock and roll que se estaba a producir nos antros máis sórdidos da cidade.

Sen sabelo, estaba a unificar a unha serie de artistas que coa súa actitude subversiva e unha enerxía xuvenil tomada do primitivo rock and roll dos 50’s, influirían na música e as demais artes, ata o punto de estender esta infección ao outro lado do Atlántico, en Inglaterra, onde os Sex Pistols a levarían á comercialidade internacional.

Pero sería uns anos antes, a mediados dos 60, cando este fenómeno empezou a xerminar nas rúas de Nova York. Apadriñados por Andy Warhol e liderados por Lou Reed, a Velvet Underground non se cortaría un pelo á hora de experimentar con novos sons e escuras letras con mensaxes nihilistas e incómodas. Esta banda nutriría de forma contundente á vindeira xeración de iconoclastas, como tamén o farían en Detroit os MC5 ou os Stooges, que levaron a música a un nivel de irreverencia e provocación que só podemos definir como agresión sónica. Por suposto, tamén estaban os Doors en LA ou Bowie na Gran Bretaña para aportar o seu grao de area de nihilismo e ideas rompedoras nas mentes dos confusos e insatisfeitos futuros creadores, amén dos primeiros rockabillys  queimando pianos e movendo a pelvis.

Pouco despois, os New York Dolls fracasarían comercialmente no seu intento por levar esta actitude á nova década. Nos breves anos que durou esta banda pioneira, a música sinfónica aínda estaba no seu auxe, e os Dolls só pareceron interesar a uns poucos inadaptados que tomarían boa nota do que tocaban (e como o facían) estes cinco tipos vestidos como tipas, actuando en saunas gays e outros tugurios da Nova York máis underground.

Os pais do Punk

A mediados dos 70’s, estes mozos inadaptados comezan a multiplicarse, fermentados pola mala situación económica e o fracaso do movemento hippy. A heroína substituíu ao LSD e as rúas de Nova York, cheas de chulos de putas, delincuentes, chaperos e yonkis, non podían estar máis lonxe da inocencia do verán do amor que florecera uns anos antes.

En clubs como o CGBG’s ou o Max’s Kansas City, comezaron a interpretar a súa nova música grupos tan inclasificables como Television, a Patti Smith Group ou os Dictators. Seguiríanlles os Ramones, os Dead Boys ou os restos do naufraxio dos New York Dolls, liderados por Johnny Thunders.

Non é necesario sinalar a importancia destas bandas para a historia da música. Todo o que se fixo dende entón está en débeda con eles (Que llo digan aos Ramones… O grupo máis influínte da historia…?). Dende logo, debeu ser bastante excitante pasarse cada noite polo CGBG’s e velos a todos nos seus tempos dourados. Curioso como de cando en vez, e sen motivo aparente, xurde da nada unha xeración de cracks que o deixan todo patas arriba, como sucedeu no século XV en Florencia ou en Memphis nos 50’s.

Na Nova York dos últimos 70‘s, cada banda tiña o seu propio estilo musical, dende os poemas musicados de Patti Smith, tocados a ritmo de rock clásico, ata o futurismo minimalista dos Ramones, pero todos eles compartían esa violenta e descerebrada enerxía xuvenil, rexeitando o establecido e erixíndose como trovadores da marxinalidade e a subversión.

Con moi pouco ou nada que ver musicalmente, sería a revista “Punk” a encargada de unificalos baixo un mesmo movemento, e eles, fachendosos da súa marxinalidade, nunca aspiraron a triunfar na radio comercial, senón máis ben a vivir axiña e morrer mozos. En apenas tres anos, as bandas nacían e morrían, pero foron deixando profundas pegadas nas seguintes bandas que continuaron o espírito de non querer saber nada da comercialidade e moito do sexo, as drogas e o auténtico rock and roll.

Richard Hell, un dos ideólogos do novo movemento, e fugaz membro de TelevisionJohnny Thunders & Heartbreakers e os Voivoids, retrataría á perfección toda ese pastiche filosófico coa súa xenial canción “Blank Generation”.

Os fillos (bastardos) do Punk

E foi da man dos Ramones cando a infección punk chegou a Londres en 1976. No seu concerto do 4 de xullo no Roundhouse, os Ramones deixaron flipados co seu novedoso son aos mozos ingleses que pululaban á deriva no recinto, entre eles Johnny RottenJoe Strummer ou Dave Vanian, que tras saír de aí (eso conta a lenda) montaron as súas propias bandas sen sequera saberse un miserable acorde de guitarra. Adscritos ao novo movemento, adaptárono á súa realidade social, máis violenta e menos artística que a americana, e de aí xurdiron os Sex Pistols, que por razóns máis ben extra-musicais conseguirían estender a praga polo resto do mundo.

De súpeto, os adolescentes acudían aos concertos a cuspir e ser cuspidos, a liberarse das súas patéticas vidas e esquecer a base de alcol e hostias o negro futuro que lles agardaba no corrupto occidente. Todo isto publicitado polos xornais sensacionalistas que venderon mogollón de exemplares espertando o terror duns pais que non daban crédito a semellantes barbaridades coas que se divertían os seus nenos.

punk-musica-ramones-misantroponamorado-revista-achtung
Ramones

Este mastodóntico éxito foi, ironicamente, unha das causas que provocou a decadencia dun movemento que xa de por si tiña os días contados. Cunha ideoloxía que non permitía o éxito masivo nin unha estabilidade duradeira, o Punk derivaría nunha máis controlable e comercial New Wave. Da individualidade do “faino ti mesmo” pasouse á proliferación de miles de punks clónicos, do “Rexeita as normas” pasouse a “Non comas carne” e de súpeto, o Punk saíu das cloacas para meterse en desfiles de modelos.

A esta debacle axudou a chegada dunha década moito máis conservadora no social (os arrepiantes anos 80) e as numerosas baixas dos abandeirados do punk orixinal. Os Ramones subsistían máis pola venda de camisetas que pola dos discos mentres tocaban en tugurios de mala morte, Johnny Thunders afogaba no pozo da heroína, Patti Smith volveuse a típica ama de casa americana, Blondie vendía millóns facendo música disco e ninguén parecía lembrar xa á Velvet, os Stooges e a MC5.

Pouco a pouco, o punk orixinario foi agonizando ata desaparecer ou transformarse definitivamente.

“Por favor, mátame…”, a testemuña dos superviventes

Neste fantástico e entretidísimo libro cóntase todo isto dende todos os ángulos e perspectivas. Cada protagonista conta a historia ao seu xeito, moitas veces terxiversándoa para incrementar a lenda, moitas veces contradicíndose entre eles. Un verdadeiro caos que sorprendentemente, fai comprender moito mellor todo o cotarro.

En “Por favor, mátame…” non só falan os músicos. Tamén os deseñadores, os donos dos clubs, os fans, os mánagers, os roadies e as groupies, todos eles pezas fundamentais do movemento, que milagrosamente fixeron funcionar unha maquinaria tan caótica.

Legs McNeil, axudado por Gillian McCain, recopila e selecciona material de alto voltaxe en inxentes cantidades de entrevistas aos poucos que quedaron para contalo. Acumúlanse anécdotas, reflexións, recordos, aforismos e fábulas nun libro tan caótico como esclarecedor, tan divertido como inquietante, tan realista como imaxinativo, contado en primeira persoa por figuras da importancia de Lou ReedDebbie HarryRon AshetonWayne KramerJoey e Dee Dee RamoneRobert MapplethorpeDanny FieldsPatti Smith, Iggy PopRichard Hell e un larguísimo etcétera de lendas da música.

Se vos gusta a música, ou símplemente a carroña, lédeo. É un dos poucos casos que contradicen a máxima de Frank Zappa“Escribir sobre música é como bailar sobre arquitectura”.

omisantroponamora-revista-achtung-opinion

música cine libros series discos entrevistas | Achtung! Revista | reportajes cultura viajes tendencias arte opinión




Share on Tumblr

Comparte este contenido

2 Comments

  1. jose ignacio lopez pereiro

    ha moita lenda,e moitas medias verdades.Nom ha milhor xeito de vender libros,mas si som «MEMORIAS» e do Punk nada menos. Que esaxerar ou inventar,anecdotas.
    Joe Strumer nunca precisou de mentir para pasar a Historia,

  2. Lembra que as historias do libro están contadas polos seus propios protagonistas… E en primeira persoa. Seguramente moitos mintan, pero… que carallo! Son historias suculentas e non creo que anden moi lonxe da realidade…