carrusel, música, o misántropo namorado, opinión — 26 julio, 2012 at 9:00

O xenio de George Clinton: Un pequeno glosario da nación P-Funk

by

Por Miguel Calvo Santos

funkadelic-pfunk-musica-omisantroponamorado-revista-achtung-4

Xunto a Sly Stone, James Brown e Curtis Mayfield, é obrigatorio citar a Geoge Clinton, unha das pedras angulares, non só do funk, senón da música en xeral.

Hai que situarse a finais dos anos 60 para comprender porque este home se converteu nun estandarte. O movemento polos dereitos civís foise radicalizando nesa época e a comunidade negra comezou a mostrar con orgullo a beleza da súa raza, non só na música, senón tamén no cine e demais artes. James Brown iniciou a revolución funk cantando iso de “I’m black and I’m Proud” e Sly faría o mesmo con “Don’t call me Nigger, Whitey”. E como non, Clinton, influído por ambos (aínda que tiña unha sólida carreira ás súas costas), creou a súa propia factoría de músicos, deixándose empapar polo rock lisérxico de Jimi Hendrix, a furia primitiva de MC5 ou a liberdade creativa de Frank Zappa.

Moi pronto, os peiteados afro máis delirantes e as vestimentas máis estrafalarias saíron dos guetos para meterse de cheo no mercado, e a comunidade negra empezou a consumir masivamente produtos feitos por e para eles.

Entrados os 70, e xa conscientes da súa grandeza, os afroamericanos xa tiñan unha industria estable na que poder expresarse sen axuda do home branco. A xente acudía en masa a ver a Shaft facendo de detective supercool nos barrios negros, a Blacula mordendo pescozos a ritmo de funky, a TNT Jackson e Black Belt Jones mesturando Kung Fu e Soul, ou a Superfly e Black Caesar encarnando a glamurosos gangstas niggas.

Neses excitantes anos, mentres James Brown era todo un tirano cos seus músicos e Sly comezaba a perder o norte por causa das drogas, Clinton fichou a unha serie de músicos brillantes (moitos deles emigrados da banda de Brown), dándolle liberdade absoluta para crear, e daría forma ao que se coñeceu como P-Funk, un artefacto musical que chegaría a englobar a máis de 50 músicos, en ocasións tocando todos xuntos nun escenario.

Baixo a batuta de Clinton, os músicos podían dar renda solta a todo tipo de creacións sonoras, tanto dentro como fora do escenario e o propio Clinton (mestre de cerimonias e principal compositor e produtor do son) puido permitirse todo tipo de estravagancias na escenografía dos concertos (naves espaciais aterrizando na metade dos concertos, calaveiras xigantes fumando porros, guitarristas en cueiros…) que axiña congregaron a multitudes sedentas de diversión, ritmo e descontrol.

Estes espectáculos, nunca vistos na comunidade negra, celebraban unha especie de hedonismo intercultural e case elevaban a cultura afro a niveis de debuxos animados. Clinton creou unha imaxinativa forma de ciencia ficción negra, por así dicilo.

As letras, sempre humorísticas e irreverentes (sen estar reñidas co compromiso social), falaban de ufoloxía, drogas e sexo guarro. Creouse unha mitoloxía propia poboada das personaxes máis estrambóticas que protagonizaban todo tipo de discos conceptuais e os títulos das cancións e albumes ilustraban perfectamente ese enxendro musical (“Supergroovalisticprosifunkstication”, “Aqua Boogie (A Psychoalphadiscobetabioaquadoloop), “Free your mind and your ass will follow”, “Clones of Dr. Funkenstein”…). A música tocaba tódolos xéneros con absoluta liberdade, aínda que evidentemente destacaba esa fresca e barroca combinación de funk e rock marciano que tanto influíu na posterioridade, algo que en moitos casos nunca sería o suficientemente reivindicado pero si profusamente espoliado. Seguramente, se non fora polos experimentos de Clinton & cía., hoxe non existiría o hip-hop a música disco ou mesmo a electrónica tal e como as coñecemos.

funkadelic-pfunk-musica-omisantroponamorado-revista-achtung-3

As principais bandas do universo P-Funk foron Funkadelic e Parliament, básicas para coñecer a evolución da música negra e que escoitadas hoxe en día non perderon un chisco de encanto e frescura, pero hai infinidade de outras bandas paralelas e secundarias apadriñadas polo xenio que é imposible analizar en profundidade nestas liñas. Sirva este pequeno dicionario como intento por resumir un universo tan rico como surrealista, e de paso facerlle a homenaxe que se merece.

Bernie Worrell

Teclista por excelencia da P-Funk, foi pioneiro da música con sintetizadores Moog, influído polos Emerson, Lake & Palmer. Imprescindible no son marciano tanto de Funkadelic como de Parliament, as súas creacións foron sampleadas sen piedade no primeiro hip-hop e traballaría tamén co home branco, levando o funk a grupos como Talking Heads.

Bootsy Collins

O baixista máis funky do planeta (con permiso de Larry Graham da Family Stone) traballou con James Brown ata 1971, cando farto dos métodos dictatoriais do Padriño do Soul aceptou un emprego na nación P-Funk, onde brillaría pola súa xenialidade. Aparte, sacou máis de 20 discos coa súa banda en solitario.

É mítico o seu baixo ultracool en forma de estrela e a súa voz grave que chega a límites caricaturescos.

Bop Gun

Poderosísima arma de funk masivo que fai funky a calquera ao que lle disparan con ela. Isto débese a que usa como munición a funktelequia, un concepto tan complexo que escapa das nosas mentes. Nos shows de Parliament, disparaban ao público indiscriminadamente coa Bop Gun, causando histeria, baile descontrolado e ataques agudos de groove.

Dr. Funkensntein

Dificilmente poderedes atopar a alguén máis cool neste planeta. É o mestre intergaláctico do Funk e é capaz de curar calquera doenza (incluída a UnFunkiness) a todos os homes e mulleres de tódalas razas, pois segundo el “bigger the headache, the bigger the pill”. e el mesmo é “The Big Pill”. Os seus predecesores codificaron os segredos do Funk nas pirámides pero esperaron ata que a humanidade estivo preparada nos 70´s para compartilos con todos nos.

Se queredes coñecer a súa infinita sabedoría, facédevos con “The Clones of Dr. Funkenstein” (1976) e caeredes como moscas na súa secta funky.

Eddie Hazel

Un dos mellores guitarristas da historia, sen esaxerar, á altura de Jimi Hendrix. Foi bautizado decote como “o Zappa negro”. As drogas boicotearon unha carreira prometedora, pero aínda así é merecidamente reivindicado xunto aos mellores. No “Maggot Brain” (1971) fai literalmente chorar á súa guitarra, arengado por George Clinton que lle dixo “Toca como se a túa nai acabase de morrer”.

Recomendable tamén o seu disco en solitario, cunha versión de “California Dreamin’” que pon os pelos, non de punta, senón ó afro.

Fred Wesley

Líder da sección de ventos da P-Funk, este trombonista traballou antes para James Brown e é considerado un dos mellores arreglistas de funk da historia. En 1975 abandona ao Soul Brother Number 1 para unirse ao circo de Clinton e desenrolar sen límites a súa creatividade. E efectivamente, este home fixo máis ben pola humanidade que a penicilina.

Funkadelia

Funkadelia é a nación Funk, onde a constitución funk manda, e sempre será así. O xentilicio sería Funkateers (igual que os fans da P-Funk) e son liderados polo Uncle Jam, unha especie de pantera negra cuxa única misión é rescatar a música bailable da un Funkiness. Podemos saber máis desta utopía en “One Nation Under a Groove” (1978).

Funkadelic

A banda P-Funk por excelencia, con sede en Detroit, xuntaron o soul dos Parliaments coa psicodelia en auxe a finais dos 60, aderezándoo con enormes amplis Marshall a volume 11, imitando a violencia sónica dos seus veciños MC5 e Stooges. É basicamente unha banda de hard rock, que conta como sinal de identidade a guitarra de Eddie Hazel e os teclados de Bernie Worrell.

Son imprescindibles os seus tres primeiros discos, “Funkadelic” (1970), embrión do son futuro, “Free your mind…” (1970)cunha fermosa portada e álbum clave que supuxo o debut de Worrell e “Maggot Brain” (1971), practicamente o mellor disco que gravou Hazel na súa carreira e que comeza nada menos que con 10 minutos de solo de guitarra do xenio.

Posteriormente, Funkadelic gravarían albumes cada vez máis extravagantes e experimentais, sendo “One Nation Under a Groove” (1978) o máis exitoso. Todo o que fixeron é recomendable, pero hai que dicir que é esgotador para os que se inician no universo P-Funk pola inxente cantidade de discos.

Maceo Parker

Outro que pasou do control autoritario de Brown ao cachondeo absoluto de Clinton. O seu saxo aderezou a mellor música tanto de un como do outro, e xunto a Fred Wesley e Pee Wee Ellis, fixeron a mellor sección de vento xamais congregada nun escenario.

Non parou de innovar dende 1964 ata hoxe.

Mothership

É a nave espacial da que saia Clinton nos seus concertos, un platillo volante funk que supuña un custo considerable para as financias da P-Funk. Imaxinade a histeria do público ao ver semellante artefacto caído do ceo e ver saír del ao Dr. Funkenstein para traernos o Funk. Fai pouco, Clinton doou esta tecnoloxía ao Museo de Historia Afroamericana de Washington para que todos os terrícolas poidamos apreciala.

Parliament

A outra banda máis célebre da P-Funk ten como orixe a banda de Doo wop The Parliaments, onde Clinton comezaría a súa carreira tras abandonar as súas capacidades como perruqueiro. Pero Parliament evolucionaría cara unha mestura de soul e funk psicodélico inclasificable. No seu disco por excelencia “Mothership Connection” (1975) tocaron todas as estrelas da P-Funk (Maceo, Bootsy, Worrell, Wesley, Davis) e xuntos, marcaron unha era. Tamén recomendo intensamente o seu debut “Osmium” (1970) (tamén coñecida como “Rhenium”), moi rockeiro ao estilo Hendrix, por obra e gracia do gran Eddie Hazel, e cunha das portadas que trastornaron a miña infancia.

Ray Davis

É esa voz de barítono que se oe en moitos dos clásicos da P-Funk. Foi membro indiscutible tanto de Funkadelic como de Parliament, ademais de pertencer durante unha temporada aos Temptations.

 Sir Nose D’voidoffunk

Un dos alter-egos de Clinton é esta antítese do Dr. Funkenstein, un supervillano que quere acabar co funk porque é demasiado cool para bailar. Como científico tolo creou o Placebo Syndrome, que causa a terrible unFunkiness. Quere levar a humanidade ao estado de Zone Zero Funkativity, sendo un dos misántropos máis cool da historia, pero aí están Starchild e o Dr. Funkenstein para pararlle os pes.

No disco “Trombipulation” (1979) preséntanos a seu fillo e heredeiro, Sir Nose Jr.

Starchild

É o alter-ego alieníxena de Clinton. unha especie de Ziggy Stardust negro que profetiza o funk como se fora Xesucristo en LSD. Veu á terra a bordo da Mothership para traer o Sagrado Funk (con F maiúscula, por ser a causa da creación e fonte da enerxía do universo). En segredo traballa para o Dr. Funkenstein e é o único que pode pararlle os pés a Sir Nose por medio da súa arma secreta, o Bop Gun. De feito, ao final dos concertos de Parliament, o archivillano non ten mais remedio que menear o pandeiro a ritmo de funk.

unFunkiness

Terrible doenza creada polo malvado Sir Nose D’voidoffunk que mestura a estupidez coa incapacidade para bailar. Como única vacina, ou ven recibir un bo disparo de Bop Gun, ou ven irse a vivir a Funkadelia, esa Arcadia onde aparentemente están inmunizados contra esta lacra.

omisantroponamora-revista-achtung-opinion

música cine libros series discos entrevistas | Achtung! Revista | reportajes cultura viajes tendencias arte opinión




Share on Tumblr

Comparte este contenido

2 Comments

  1. O principio desa actuación televisiva é posiblemente o artefacto máis funky do Universo. Hai tanto funk encapsulado nesa entrada a contraluz que, en efecto, o meu cabelo está empezando a medrar globularmente.

  2. Alégrome que aprecies a boa música, e por suposto, que o teu pelo medre da forma apropiada. Xa o dixo James Brown, «Minister of The New Super-Heavy Funk»:
    » O pelo é o primeiro. E os dentes o segundo. O pelo e os dentes. Un home que ten esas duas cousas teno todo. «