carrusel, o misántropo namorado, opinión — 13 septiembre, 2012 at 10:13

Auténticas Leis dos Estados Unidos

by

Por Miguel Calvo Santos

misantroponamora-usa-leyes-revista-achtung-2

Podédelo crer ou non, pero no pais das liberdades hai vixentes códigos lexislativos absolutamente demenciais. Se viaxades por alá, podédesvos meter en serios problemas se non respectades escrupulosamente algunhas das leis máis delirantes do planeta, e non falo da SOPA nin da PIPA.

Cantar na ducha en Pennsylvania, atar a túa xirafa nunha farola en Atlanta ou non bañarse polo menos unha vez ao ano en Kentucky son graves delitos que calquera xuíz castigará duramente, facendo caer sobre vos todo o peso da lei.

Estas son algunhas cousas que debedes saber para evitar caer nunha vida de delincuencia en USA:

En Alabama, por exemplo, é ilegal levar un cucurucho de xeado no peto do pantalón ou levar un bigote falso nunha igrexa. Na patria que os Lynyrd Skynyrd lle vetaron a Neil Young, mesmo vos pode caer a pena de morte se poñedes sal na vía do tren.

Alaska pode ser implacable se despertades a un oso para sacarlle unha foto, sen embargo non hai lei que prohiba dispararlles coa escopeta. Pero non pensedes mal… Nese surrealista lugar cóidanse os animais autóctonos. Por exemplo, servir bebidas alcólicas a un alce pode ser motivo de cárcere na localidade de Fairbanks.

25 anos de prisión é o que pide a lei para quen corte un cactus en Arizona. Aparte, neste estado, se che ofrecen un vaso de auga, tes que aceptalo se non queres durmir na cadea. Tampouco está permitido ter máis de dous vibradores na casa. Iso si… Rifles semiautomáticos podedes ter os que queirades, que é un dereito constitucional.

Cazar camellos (que non hai demasiados) pode ser penado con varios anos de cadea.

Tampouco está permitido montar o voso camello nunha autoestrada en Nevada. As armas pódense utilizar como á xente lle pareza, pero se alguén dispara a un can na vosa propiedade, tedes todo o dereito legal a colgar ao homicida.

misantroponamora-usa-leyes-revista-achtung-4Arkansas permite o sexo, pero como Dios manda. Nada de sexo anal, nin oral, xa que ambos son considerados sodomía. Ademais é un terrible delito criar crocodilos nunha bañeira… Xa o dicía Dorothy no “Mago de Oz” sobre esas terras: “Non hai nada como o fogar…”

En California a luz solar é unha garantía para todos os cidadáns, polo que coidado con onde poñedes sombrillas e paraugas ou podedes ser denunciados. Neste estado tamén é ilegal cazar dende calquera vehículo, a menos, por suposto que o obxetivo sexa unha balea. Ah! se ides nun coche sen condutor, nunca superedes os 96 kilómetros por hora ou pódenvos caer varios anos en Folsom Prison, e tede en conta que Johnny Cash xa está morto…

En Florida as mulleres solteiras non poden saltar en paracaídas os domingos e os elefantes que estacionen nunha zona de parquímetro teñen que pagar como todo o mundo.

Nun dos estados nos que se practica máis sexo do país é ilegal todo o que non sexa a postura do misioneiro, incluído bicarlle as tetas á túa moza. Pese a que moita xente se salta estas leis, tamén é ilegal cantar en biquini pola rúa. Por certo, que nas rúas de Miami os homes teñen estritamente prohibido levar vestidos de muller sen tirantes.

Se sodes peideiros e andades por Florida, os xoves só podedes botar unha flatulencia nun lugar público antes das 6 da mañá ou pódesevos caer o pelo. Se roubades un cabalo, a condena é morte por aforcamento.

Idaho, terra de patacas, non permite baixo ningún concepto regalar unha caixa de bombóns de máis de de 22,679618 kilos a unha moza. E seguindo coa obsesión polos camellos que hai no país, non se pode pescar montado neste animal. En dromedario, pola contra, non existe lei algunha que o prohiba.

En Urbana, Illinois está totalmente prohibida a entrada de monstros, así que pensádeo ben antes de introducir un nesta pintoresca localidade. En Chicago poden multarte por comer nun lugar que está ardendo. Neste estado tamén te poden arrestar por vagancia se levas menos dun dólar no peto.

Se viaxades a Indiana e ides a unha licorería, tede en conta que é ilegal vender leite nestes establecementos. Ide a un bar, aínda que tampouco podedes levar a vosa copa dende a barra a unha mesa, ou o taberneiro terá todo o dereito a botarvos fora. E nada de botellas! A lei esixe beber a vosa consumición nun “recipiente adecuado”.

Se tedes bigote na terra que viu nacer a Axl Rose, que saibades que non se pode bicar a ninguén ou incluso podedes ser acusados de violación. Unha das cousas que mellor ilustran a este estado e que por lei, o número Pi non ten eses incómodos decimais. En Indiana, π é igual a 4, e punto.

Non sei como debe ser vivir en Iowa, pero aos bigotudos tampouco se lles permite bicar ás súas mulleres… Unha lei discriminatoria, pois as bigotudas si poden bicar aos seus homes. Por certo, os bicos non poden durar máis de cinco minutos ou estarás quebrantando a lei. Se es un pianista manco debes saber que non podes vivir do teu instrumento… Neste fascinante estado só poderás actuar gratis.

En Kentucky a lei é clara con respecto a ir en bañador. Non se pode, a non ser que vaias con protección policial. Se queredes introducir abellas neste estado, debedes posuír un certificado veterinario que verifique que os insectos están sans.

Se ides a Nova Orleans, sabede que no estado de Louisiana non se pode roubar crocodilos ou podedes pasar 10 anos na sombra. De ir ao talego, mellor que sexa por atracar un banco, pero levade pistolas de verdade, pois a pena pode ser maior se usades pistolas de auga. Tamén é agravante morder a alguén se se utiliza dentadura postiza.

Unha cousa boa deste estado é que podedes ser detidos se non cumprides as vosas promesas, algo que debe ser un inferno para os políticos.

En Minnesota é ilegal durmir en pelotas. O pixama (ou un substituto) é totalmente obrigatorio. Para ser coherentes coa natureza, os gatos teñen pohibido perseguir aos cans, pero sen dúbida o delito máis abominable é o uso ilegal de patos: Nunca xamais se vos ocorra saír do estado cunha destas aves na cabeza.

En Montana as mulleres solteiras non poden pescar soas. Se estades casadas, podedes facelo todos os días, agás, como é lóxico, o domingo. O que non poderedes facer baixo ningún concepto é abrir os correos dos vosos maridos. Non se especifica se tamén é ilegal mirar os seus e-mails, pero eu de vos non o faría.

Nebraska non permite facerlle unha permanente á unha filla menor se non sacades unha licencia estatal. Os barbeiros deben para eles un código penal específico, pois teñen prohibido comer cebolas entre as sete da mañá e as sete da tarde. Tampouco está permitida a caza de baleas, algo estraño, xa que o mar está a miles de quilómetros.

Ohio, outro estado sen mar, tampouco permite a caza de baleas, pero aquí son máis abertos… Esta prohibición só é para os domingos. Ademáis, é ilegal emborrachar a calquera tipo de peixe.

En Kansas City, Missouri, é ilegal mercar armas de xoguete. As de verdade véndense en calquera esquina. Se unha muller leva un sombreiro na localidade de Saco, non poden asustar con el a nenos ou animais, ou este complemento será confiscado e destruido.

Algo bo que teñen en Carolina do Norte é que os cantantes non poden desafinar, a non ser que queiran cantar nas duchas do cárcere. Follar nunha igrexa nese estado non só é pecado, senón tamén un grave delito, polo que mellor facelo nun dos seus glamurosos moteis, con camas separadas por lei. Iso si… As camas deben estar polo menos a un metro unha da outra, e é ilegal rockear a casbah no espazo intermedio.

Na súa veciña, Carolina do sur, son máis estritos aínda. Por exemplo, o sexo oral é delito, pero todo aquel que o desexe pode descargar esta frustración pegándolle á súa parella nas escaleiras do concello. Iso si. Só pode facerse un domingo.

Se vedes a alguén que se queira suicidar neste estado, podedes axudar, pero sempre pedíndolle permiso ou será considerado homicidio.

Oklahoma non permite que a xente durma coas botas postas. Neste lugar perdido na América máis profunda, os pacientes non terán autoridade para quitarlle os dentes a un dentista, aínda que sexa nunha pelexa, e poden detervos, e mesmo dispararvos, se lle poñedes “caras feas” a un can. O encargado de establecer o que é unha cara fea é o Xefe Wiggum de turno.

En Oregon non podedes dicirlle porcalladas á vosa parella mentres botades un polvo, e evidentemente, os domingos comer un xeado é tan ilegal como consumir calquera outra droga.

misantroponamora-usa-leyes-revista-achtung-3

En Pensylvania son civilizados. Nas vodas non se poden disparar armas, aínda que sexan canóns. E se un dos que vai contraer matrimonio está borracho, a voda non será válida. Descoñezo se é obrigatorio facerse a proba do alcol antes.

Tamén vai contra a lei que un piloto “lle faga cóxegas cun plumeiro baixo a queixo a unha estudante”, algo que debería ser imprescindible en calquera estado de dereito.

Moito coidado se tedes compañeiras/os de piso. Se viven máis de 16 mulleres xuntas nunha casa deste estado, esta considerarase un prostíbulo. Para que sexa un puticlub masculino, o número ascende a 120 homes.

En Tennessee, terra de Jack Daniels, o número estándar de casa de citas é menor. Só se permiten 8 mulleres xuntas, ou serán legalmente prostitutas.

Ninguén di que non pode haber ateos neste estado, pero a estes non se lles permite ter traballos públicos. Para traballar na administración hai que crer en Dios!

Non vexo porqué, pero tampouco se pode conducir durmido en Memphis, Tennessee, polo menos na autoestrada.

Texas permite aplicar a pena de morte a retrasados mentais e menores, pero está moi mal visto disparar a un búfalo dende o segundo piso dun hotel. Tampouco se permite muxir as vacas dos demais, ou pode chegar Chuck Norris e darche unha merecida malleira.

En Houston, hai que acudir ao mercado negro para mercar pan de centeo un domingo. Se vos pillan trapicheando con este perigoso alimento ese día, a condena será exemplar.

Utah ve ilegal detonar calquera arma nuclear. Iso si… podedes ter as que queirades na casa, por se tedes que defendervos. Ademais, por lei permítese aos paxaros pasar gratis polas autoestradas. O resto de animais teñen que pagar unha peaxe como todo o mundo.

En Virxinia está prohibido o sexo coa luz acendida e conducir descalzo, pero sobre todo é ilegal cazar un domingo, sempre que a peza non sexa un mapache. Se queredes matar a un destes simpáticos animais, podedes facelo, incluso o día do Señor, pero só ata as 2 da mañá. O resto dos días podedes dar caza a calquera bicho que queirades, pero nunca practicar sexo con el, a non ser que supere os 18 kilos, xa que con ese peso, a lei considera que se pode defender.

Quedades advertidos… Non loitedes coa lei, porque a lei sempre gaña nos USA.

omisantroponamora-revista-achtung-opinion

música cine libros series discos entrevistas | Achtung! Revista | reportajes cultura viajes tendencias arte opinión




Share on Tumblr

Comparte este contenido

Leave a Comment

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *