carrusel, o misántropo namorado, opinión — 29 abril, 2014 at 10:00

Escoita as risas

por

Por José Casás García

Imaxe vía serendipity-blogg.blogspot.com

Unha nube de paraugas cobre o tupido céspede do camposanto. Chove abondo. Son as cinco da tarde e as campás tocan a defunto. Un corredor ábrese ante a chegada do séquito encabezado por cinco curas, cinco. Cantan e expanden o cheiro narcotizante do incienso. Tras deles, sostido sobre seis ombreiros que nunca quixeron ter esa carga, vai «O Defunto». Dentro dunha pesada caixa de madeira de piñeiro escura, como sempre quixo. Uns pasos máis atrás, torpe e sen forzas, sostida polos seus fillos, camiña a viúva. Non chora, só mira cara adiante. Nin sequera é quen de escoitar o marmurio distendido formado ó seu arredor. Escoita as risas.

O ambiente tórnase abafante coa entrada na igrexa. Aturdida, non repara nas dificultades que atopan os seus para intentar sentala na primeira fila das bancadas do templo. A misa dun enterro é un espectáculo único e conseguir sitio nas primeiras filas é o privilexio daqueles que non perderon tempo en tomar o café despois do xantar. Fóra segue chovendo.

O incienso e a calor das velas densifican a atmosfera ata tal punto que quita as ganas mesmas de respirar. Comeza a liturxia. A media hora máis longa que calquera que enterrase a alguén poida pasar. A conciencia da viúva entra tarde no rito. O primeiro que escoita é o «…por mi culpa, por mi culpa, por mi gran culpa…». Sen darse conta segue a oración mentres os seus ollos son incapaces de prestar atención a outra cousa que non sexa o rostro del. «Ata parece que fixo un aceno. Non, non é verdade. Non está aí». Fóra segue chovendo.

«En aquel tiempo…». Canto tempo leva alí dentro?, pregúntase. Aqueles cinco con sotana seguen cantando a destempo e cada vez é máis difícil respirar. O estado de semi-inconsciencia no que está sumida permítelle escoitar xusto detrás dela os rezos polo baixo da tía Aurora e un pouquiño máis lonxe, fóra daquelas paredes, o marmurio. Escoita as risas.

«En verdad es justo y necesario, es nuestro deber y salvación…», «…démonos la Paz como hermanos…», «Podéis ir en paz».

Levántana e vólvena guiar ao seu camiño detrás do Defunto. Cada paso pesa máis que o anterior. Mil quilómetros percorreu ata chegar a fóra. O aire fresco fai que recupere a consciencia de si mesma e do que ten arredor. Levanta a vista e o primeiro contacto visual coa caixa que garda os mellores recordos da súa vida núbrase co mar de bágoas que empeza a baixar polas súas meixelas. Un pranto incesante acompañado de lamentos propios e alleos compoñen a banda sonora da última viaxe do Defunto.

O panteón agarda decorado cun manto de flores e os que si tomaron o café satisfacen as súas ansias de espectáculo anteriormente frustradas e toman os primeiros «asentos» para ver o acto final. Nin sequera os lazos de sangue co Defunto son aval abondo para conseguir sitio. Quen chega antes, chega antes.

A viúva, incapaz apenas de sosterse de pé, estala na desesperación do adeus. El nunca volverá. Chora e lamenta a súa marcha mentres os da funeraria fan o seu traballo. Somerxida na dor, ignora as animadas conversas que se desenvolven a escasos dez metros dela. En Galicia, os ferrados véndense nos enterros.

Os negocios están feitos, os coñecidos xa se dan por saudados e o mar de paraugas retírase paseniño deixando o céspede afogar baixo a choiva. Alí so quedan a viúva e os seus fillos, quedos fronte o panteón. Os curas tamén se retiran, non sen antes pararse co cuñado do Defunto, que hai que tratar os «cabodanos».

Escoita as risas. Cada vez máis alto. Escoita as risas.

 @do_alto

música cine libros series discos entrevistas | Achtung! Revista | reportajes cultura viajes tendencias arte opinión


Deja tu comentario

Comments are closed.