carrusel, opinión — 4 octubre, 2013 at 12:08

Erro 404 #xornalismonotfound

por

Por José Casás García

Imaxe: Luís Davila

Teño por costume utilizaro hashtag (etiqueta) #xornalismonotfound cando fago algún tipo de crítica ou comentario máis ou menos breve do labor que fan os medios de comunicación nun ou noutro aspecto. Cos acontecementos destes últimos días o comentario breve quédaseme escaso. Desde que me metín a formar parte do mundo da comunicación, nunca atopei tan pouco xornalismo como no caso da nena que apareceu morta preto de Compostela.

Non me gusta a actualidade chamada “de sucesos”. Con cada novo acontecemento tráxico evidenciase máis a falta de profesionalidade, rigor e sobre todo ética que impera na cobertura dos mesmos. O caso de rapaza morta en Compostela está sendo especialmente alarmante. Eu pensaba que era difícil superar o pésimo tratamento informativo que se fixo en moitos medios sobre o accidente do Alvia en Angrois. Equivoqueime.

Desde a aparición do cadáver fomos bombardeados por radio, tv, prensa e Internet con unha inmensa cantidade de titulares, baseados a meirande parte deles en especulacións, en filtracións máis ou menos veraces ou simplemente detalles da vida da familia Basterra-Porto que pouco ou nada poden aportar á resolución do crime. Non faltaron por suposto os testemuños dos veciños, moitos deles co don da intuición, asegurando que eles xa vían algo raro nesa familia.

Cando nos formamos nas facultades de Comunicación como futuros xornalistas, fálannos dun documento que tódolas asociacións profesionais de xornalistas manexan e que teñen puntos senón iguais, parecidos: o Código Deontolóxico. A FAPE (Federación de Asociaciones de Periodistas de España) e o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia teñen unha serie de normas e recomedacións referentes a estes casos.

O código do CPXG reza no seu punto dous: Difundir unicamente informacións fundamentadas, evitando en calquera caso afirmacións ou datos imprecisos e sen base dabondo, que poidan lesionar ou menosprezar a dignidade das persoas…”. Nos medios impresos e dixitais houbo titulares como “¿Qué sabía Asunta?”, onde se crea un relato detectivesco, no que nin se quera se cita un mínimo de tres fontes contrastadas, pragado de interrogantes e sen datos precisos. Nos programas matinais non faltaron entrevistas surrealistas. Incluso se deu voz ao cámara que gravou á familia Basterra-Porto nunha entrevista concedida hai 7 anos. O obxectivo era que o cámara compartise as súas impresións dos presuntos asasinos 7 anos antes do crime. Impresións que seguro aportarán moi pouco á información relativa ó suceso, pero hai que encher minutos. Que dicir do hipótese da herencia dos avós da nena como móbil do crime, desmentido despois e sen que mediara rectificación ou desculpa por parte de case ningún medio.

O punto 10 do código dinos que hai que “Observar escrupulosamente o principio de presunción de inocencia nas informacións e opinións relativas a causas ou procedementos penais en curso”. O punto 5 do Código Deontológico de la FAPE é especialmente explícito neste punto. Fai días que os pais da nena están condenados polos medios, que celebraron un xuízo paralelo, sentenciaron e expuxeron ó matrimonio ó escarnio público. Nisto ten moito que ver o labor dos estamentos xudiciais, que come ben conta Gago neste artigo, son un coador. A presunción de inocencia, fundamental no Dereito español, convértese en papel para o lixo.

Tanto no punto 11 do Código Deontolóxico do CPXG como no punto 6 do Código Deontológico de la FAPE faise especial incidencia no extremo coidado que se debe practicar no tratamento informativo que se debe aplicar a sucesos relativos a menores de idade. A cara de asunta xa circulou pola meirande parte dos medios españois, algo que xa estamos acostumados a ver en casos anteriores de sucesos con menores.

Cabe destacar a pouca sensibilidade de cara á información mostrada polos dous medios máis próximos ao acontecemento, o compostelán El Correo Gallego e a principal cabeceira de Galicia, La Voz de Galicia. Nestes días vímonos abordados por unha infinita xeira de artigos que narran cousas tan “interesantes” como que a nena se apuntou a clases de piano, que estudaba inglés e chinés, que a casa da familia en Teo se vende por un millón de euros, que a nai tamén era adoptada (parece que non tal)… un intento de crear unha novela de non ficción cutre para alargar a actualidade do suceso como valor noticia.

Unha das últimas perlas deixóunola a portada de El Correo Gallego co titular “Uno de los que halló el cadáver de asunta iba ‘bolinga’ perdido”. Parecen querer facerlle a competencia a Ana Rosa, experta na conversión da información en esperpento.

Coma sempre, parece que todo val por uns cantos puntos máis de share, por ser capaces de encher páxinas, por un par de clicks máis nun banner… pero do que non parecen darse conta é de que o descrédito é moi caro, e que costa moito recuperarse cando perdes o creto fronte a sociedade.

@do_alto

música cine libros series discos entrevistas | Achtung! Revista | reportajes cultura viajes tendencias arte opinión


Deja tu comentario

Comments are closed.