carrusel, opinión — 26 septiembre, 2013 at 9:22

Asumímolo complexo

por

Por José Casás García

Lorena Pose, presentadora del programa A Revista, da TVG

As liñas que escribirei a continuación van tratar dun tema que entendo a moi poucos lle importará. Pero ganas de escribir non me faltan e mentres que os amables xestores de Achtung me deixen… Como dicía, o tema sobre o que quero compartir unhas liñas ten que ver coa miña lingua, o galego, e cunha das súas variantes dialectais, a cal practico con asiduidade e naturalidade: a gheada.

Para que non a coñeza a gheada é un fenómeno lingüístico propio da lingua galega e que consiste na pronunciación do son /g/ (gato) como [ħ] (ghato). Ven a sonar como unha iota máis ou menos aspirada segundo a zona na que se fale. Máis alá de pararme coa descripción do fenómeno, quero centrarme na súa realidade e consideración social.

A historia da gheada, como a do propio idioma galego, é unha historia de prexuizos. Sobre os falantes que utilizamos a gheada recae aínda hoxe en día o estigma de brutos, incultos e de clase baixa. Tal prexuízo orixinouse na incapacidade de moitos galegos de eliminar tal trazo lingüístico á hora de falar castelán. Falar galego foi e aínda é un estigma social en moitos ámbitos e o uso da gheada agrava a situación.

A democracia trouxo consigo a incorporación do galego aos ámbitos públicos e contruíuse algo moi necesario e difícil, unha normativa da lingua. A política e a cultura, a radio e a televisión públicas; en todos estos ámbitos se estendeu o galego normativo e implantouse un estándar da lingua. Non é o meu obxectivo criticar a aqueles que confeccionaron a normativa. Entendo que require dun enorme traballo e é difícil deseñar unha norma válida para tódolos falantes dun idioma tan rico e variado como é o galego. O problema foi o estándar.

Cando os políticos e os xornalistas, a xente da cultura comezaron a falar nos micrófonos das radios e televisións galegas asumiron o complexo e eliminaron a gheada (e tamén o seseo) do estándar. Consciente ou inconscientemente desprestixiaron unha vez máis a gheada e desterrárona do discurso mediático.

Fai pouco tempo, a xornalista da TVG, Lorena Pose  levantou certa polémica pois tivo o “atrevemento” de respectar a súa forma de falar natural e dirixiuse ós telespectadores dicindo “ghraciñas” ou “ata logho” durante a emisión do programa A Revista finde semana, espacio matinal da canle autonómica. A directiva da TVG reprendeu e recomendoulle a Lorena que abandonase o uso da gheada pois  según explicou a presentadora comentáronlle que “podía ser non entendida por unha parte da audiencia”.

Figuras relevantes da lingua e das letras galegas defenden o modelo do estándar actual e afirman que a gheada está ben para o formatos de entretemento e que o estándar actual (sen gheada) é máis axeitado para os telespectadores galegos.

A idea é clara: a gheada só se presenta nos medios audiovisuais galegos en programas lixeiros, de humor e dirixidos a un público concretos. Non é algo que suceda só nos media. O mesmo sucede no mundo das orquestas durante as verbenas estivais; moi asentadas na cultura popular galega, onde os cantantes se dirixen ao público esaxerando a gheada e berrando como se estivesen guiando un rabaño de ovellas. Asumen o complexo e representan os vellos tópicos referidos a este trazo fonético.

O ámbito formais son aínda hoxe reticentes a introducir a gheada e parte da sociedade galega segue considerandoa só axeitada para os ámbitos familiares e informales.

Como xa dixen,  sei que a moi poucos lle importa este debate. Pero sería interesante mantelo vivo por aquelo de avanzar e aceptarnos a nos mesmos, que polo que parece, ós que falamos galego, séguenos costando un pouco.

Trala polémica xurdida, Lorena estivo algún tempo omitindo a súa forma de falar. Afortunadamente, polo que vin nas últimas ocasións na Revista a presentadora volveu “as andadas”. Eu que son máis de escribir na Internet que de falar nos micrófonos, rezo porque aparezan máis Lorenas nos medios e que exhiban, sen complexos, a naturalidade e a riqueza da nosa lingua.

@do_alto

música cine libros series discos entrevistas | Achtung! Revista | reportajes cultura viajes tendencias arte opinión




Share on Tumblr

Deja tu comentario

Comments are closed.