carrusel — 5 diciembre, 2013 at 10:00

“Somos o que soñamos”

por

Por José Casás García

Portada do primeiro número da revista Luzes

Empezo o que pretendía ser unha crónica da última edición do Culturgal, que como moitos e moitas saberedes trátase dun gran encontro onde se dan cita tódolos entes que conforman o tecido das industrias culturais galegas. Evento que tivo lugar esta fin de semana (do venres 29 ao domingo 1) no Pazo da Cultura de Pontevedra. Era a miña primeira vez nun Culturgal, que xa vai pola súa sétima edición, consolidándose como unha das citas ineludibles do calendario. Éxito de participación de empresas e público que de seguro animará a organización a continuar no próximo ano.

Como dicía, a miña intención era facer unha crónica da totalidade do evento. Pero a falta de tempo impediume acudir durante os tres días. Polo tanto, e para ser honesto comigo mesmo e co lector, decidín que no lugar de cronista sería un asistente máis. Así, o que leredes a continuación será froito das reflexións e daquilo que lle chamou a atención a un visitante novato.

Tentando de aproveitar ben a tarde cheguei sobre as catro ao recinto feiral. Pouca xente desa hora. Fíxenme cun par de trípticos para tentar discriminar, tarefa inútil ante a gran cantidade de cousas interesantes. Frustrado por non ter un xiratempo coma o de Hermione Granger que me permitise asistir a todo, entrei sen máis.

A libraría entretívome un bo anaco. Fiquei na gran cantidade e calidade existente dentro da literatura infantil e xuvenil en galego. Por momentos recuperei a paixón pola fauna prehistórica, redescubrín a curiosidade propia dun cativo a través dos recopilatorios de contos populares e debuxei na miña mente a caricatura daquel neno que merendaba diante do Xabarín Club. Todo por culpa dun xogo de mesa do amigo o porco bravo.

Xogo basado no popular programa infantil «Xabarín Club»

Rematei o viaxe a infancia, o Off Culturgal foi a seguinte parada, non sen antes compartir palabras e reflexións coa Belén Regueira, unha desas persoas pola que val a pena que teñamos unha radio pública e en galego. O titular da conversa sería o de moitas: “Que mal anda o xornalismo, sobre todo para os que están empezando”. A conversa foi tan entretida que para cando cheguei ao Off Culturgal, xa me perdera un terzo das propostas. Sorte que Disquecool estaba alí para facer o resumo de todas. Comprar un ukelele foi unha opción no meu siso durante a presentación de Ukelele Kit Project. Matilde Rodríguez, d’O Gato Cósmico, presentou este máis que interesante proxecto que reune a profesionais da música e do audiovisual arredor de 10 ukeleles únicos.

O portugués e a súa relación co galego foron os protagonistas na presentación de Ciranda, à volta do portugués. Carmen Saborido resaltou a relación íntima das linguas galega e portuguesa e das vantaxes competitivas que nos pode ofrecer aos galegos e galegas abrir as nosas mentes ás voces de alén do Miño e sobre todo, do Brasil. A súa actividade céntrase en impartir cursos de formación na realización de todo tipo de actividades culturais que teñen como epicentro a libraría Ciranda en Compostela.

Deixei o Off Culturgal a medias para achegarme a presentación de Luzes. A condución do acto correu a cargo da propia Belén Regueira e ao seu carón dispúxose o equipo da nova publicación.

«Luzes nace da saudade de algo que non se ten, nace da rebeldía contra o estado das cousas, o estado do propio xornalismo, da anguria existencial do xornalismo.» Así definía o director da publicación, Manuel Rivas, o porqué desta revista: a necesidade de loitar e «rexenerar» a sociedade a través da «rexeneración» do propio xornalismo, definido como «un ben máis preciso que nunca. Escoitar, preguntar, dar voz a quen non a ten». Reparei na vocación e vontade de Luzes de ser un relato alternativo, de contar o que os outros non contan a través das palabras de Xosé Manuel Pereiro: «Fixemos a revista que nos gustaría ler. Queremos facer un produto xornalístico que dea conta do potencial que ten a nosa sociedade. Un xornalismo con peso. Queremos que sexa un relato mensual, en galego, da realidade fóra da axenda informativa».

Unha vez coa revista na man, puiden comprobar por min mesmo a heteroxeneidade dos artigos, o que reproduce a condición de apertura da que falou o coordinador Iago Martínez, «sen públicos obxectivos». O produto final ben val os 10€ que piden. Máis de 100 páxinas cun coidado deseño que intenta recuperar a mellor tradición do xornalismo en papel.

Quedoume no tinteiro a pregunta da estratexia online de Luzes, tema sobre o que non fixeron mención na presentación.  Manuel Rivas tivo a amabilidade de asinarme o meu primeiro Luzes, dicía: «Somos o que soñamos».

 @do_alto

música cine libros series discos entrevistas | Achtung! Revista | reportajes cultura viajes tendencias arte opinión


Deja tu comentario

Comments are closed.